Saturday 18 de May de 2024

O Vicepresidente da Xunta destaca que a lei de financiamento de partidos prohibe as doazóns e regula as fundacións vinculadas


Indica que esta nova normativa delimita con claridade o financiamento dos partidos políticos e outorga ao Consello de Contas un papel reforzado de control e fiscalización

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou a aprobación no Consello da lei que reforma o financiamento dos partidos políticos galegos, que prohibe as doazóns e regula as fundacións vinculadas. Como lembrou, hai case dous anos que desde o Goberno galego se vén defendendo a necesidade aprobar unha norma deste calibre. De feito, Rueda indicou que o propio presidente comprometeu a súa aprobación no último Debate de Política Xeral no Parlamento galego.

Con respecto a isto, o vicepresidente lembrou que a redacción deste proxecto foi encargada ao Consello Consultivo de Galicia por encargo do Consello da Xunta e agora será remitido ao Parlamento para a súa tramitación.

Como indicou Rueda, “trátase dunha lei que regula o financiamento público das formacións políticas, tanto no que se refire a subvencións para gastos electorais como para gastos de funcionamento ordinario”, coa novidade de que en ambos casos non abonda con obter representación parlamentaria para acceder ás axudas, senón que é preciso tamén non ter recibido doazóns de persoas xurídicas nin anónimas.

Outra das novidades máis relevantes da nova regulación é que se estende ás fundacións e asociacións vinculadas ás formacións políticas, garantindo a regularidade das doazóns que poidan percibir por parte de persoas xurídicas.

O vicepresidente tamén destacou o novo papel que se lle atribúe ao Consello de Contas para o control e fiscalización da actividade económico-financeira das formacións políticas que dispoñan das subvencións. Así mesmo, apuntou que a lei é unha aposta pola maior publicidade e transparencia, cunha serie de obrigas de publicidade das subvencións outorgadas tanto a partidos como a fundacións ou asociacións vinculadas.

En definitiva, como salientou Rueda, iranse coñecendo os pormenores desta lei, que inmediatamente se trasladará ao Parlamento coa intención de acadar o máximo consenso posible.

Segundo concluíu, trátase dunha nova lei que busca “delimitar con claridade” o financiamento dos partidos políticos, que se estende ás fundacións e asociacións vinculadas a eles, que prohibe aceptar doazóns anónimas e de persoas xurídicas, que outorga ao Consello de Contas un papel reforzado de control e fiscalización e que aposta pola publicidade e a transparencia.

O vicepresidente da Xunta lembrou que esta lei enmárcase no seo do Programa de Impulso Democrático que o Goberno galego presentou hai unhas semanas, con propostas no eido da transparencia, da prevención da corrupción e da mellora da participación política. Trátase, en palabras de Rueda, dun “auténtico programa de impulso democrático”, que o presidente da Xunta “se comprometeu a poñer a andar no prazo de 50 días”.